Xornadas Implementa Cultura Accesible
Xornadas Accesibilidade - Mesa auditiva

Este proxecto xorde dalgunhas preguntas recurrentes entre profesionais do sector cultural e creativo

  • Como podemos facer máis accesible a cultura?

  • Que barreiras de acceso existen actualmente para que todas as persoas poidan gozar da oferta cultural presencial e dixital?

  • Que medidas podemos implementar os proxectos e entidades culturais para derrubar esas barreiras?

  • Que alianzas e servizos poden ofrecernos as entidades sociais que traballan no eido da discapacidade?

Para poder respondelas, esta iniciativa nace como un espazo de investigación e divulgación sobre accesibilidade cultural.

O noso obxectivo principal é mellorar a calidade e o impacto social do traballo das profesionais da cultura, neste caso axudando a planificar e implementar unha accesibilidade real na oferta cultural: das experiencias presenciais á cultura dixital.

Co impulso inicial de BenCuriosa, entidade galega da economía social, e co apoio para a súa posta en marcha da área de Cultura da Deputación da Coruña, realizamos encontros para compartir coñecemento e tecer redes.

Neste camiño sumáronse numerosas entidades sociais que traballan no eido da discapacidade, tamén profesionais expertas na materia e contamos co apoio das principais asociacións sectoriais galegas da Cultura.

Grazas a todas elas puidemos ir contrastando os contidos compartidos nas actividades divulgativas e tamén, de xeito libre e aberto, nesta web.

Falamos?

Se tes interese por saber máis sobre cultura accesible, se es un/ha profesional do ámbito con quen poidamos colaborar ou se desde a túa entidade queredes desenvolver proxectos culturais máis accesibles… será estupendo conectar!