Que é?
Que é?
Trátase da descrición sonora de elementos dun contido cultural que só se poden percibir visualmente, o que permite ás persoas con discapacidade visual comprender a experiencia cultural dun xeito máis integral.
Pode aplicarse en museos, exposicións ou calquera espazo natural ou de interese patrimonial.
Tamén en producións audiovisuais (películas, series, programas e documentais) ou espectáculos en directo (artes escénicas). Nos ocos entre diálogos é cando introducimos a descrición das personaxes (xestos, vestimenta, etc.), información sobre o lugar onde acontecen os feitos (paisaxes, escenografía, etc.) ou sobre a acción que se desenvolve en cada momento.
Exemplo de audiodescrición (recomendamos visionar desde o minuto 3’00”):
A quen beneficia?
A quen beneficia?
Permite que persoas con discapacidade visual profunda ou cegas poidan entender o contexto e acceder a todas estas experiencias culturais sen necesidade de ter que preguntar ou depender da explicación doutras persoas ou acompañantes.
Hai sistemas técnicos que permiten que estas audiodescricións se ofrezan como un contido adicional individualizado para as persoas que o precisan, polo que non interfire no contido sonoro que perciben outras persoas asistentes.
Como implementar esta medida?
Como implementar esta medida?
A audiodescrición implica guión, locución e montaxe, polo que debe realizarse por profesionais especialistas, existindo unha norma específica, a UNE 153020.
En audiovisuais debe incorporarse como unha opción de audio adicional, de igual xeito que calquera outra alternativa de idioma dobrado ou de VSO. Se é unha proxección nun cine ou festival, pode ofrecerse a través de sistemas FM ou aplicacións móbiles individuais.
En artes escénicas e espectáculos ao vivo tamén se pode ofrecer con sistemas individuais, pero a sincronización é algo máis complexa xa que debe realizarse en tempo real.
Pódense incorporar tamén como opcións, igual que os diferentes idiomas, nas audioguías de museos, exposicións, espazos patrimoniais ou rutas. Como alternativa, se non se quere ou pode contar con equipos individuais de audioguías, poden ofrecerse pequenas audiodescricións tamén a través de códigos QR en pezas ou lugares concretos. Finalmente, aínda sen realizar gravacións de locucións, un guión con criterios técnicos de audiodescrición permitiría tamén ás guías e persoas mediadoras en visitas ou actividades ofrecer esa información adicional de viva voz.
Finalmente e aínda que non se trata dunha audiodescrición nin dunha adaptación pensada inicialmente para colectivos con discapacidade, queremos mencionar aquí o interesante auxe da produción de contidos dixitais sonoros, especialmente audiolibros e ficción sonora. En todos estes formatos é importante o deseño sonoro e ambiental, o cal permite que todas as persoas nos ubiquemos nunha historia sen ter referencias visuais. Por iso, está permitindo tamén que aumente a oferta de historias de calidade e máis accesibles para persoas con discapacidade visual. Traemos este exemplo de como á hora de valorar un formato de contido, aínda que non estea pensado especificamente para a accesibilidade, si pode ser unha aposta que nos permita chegar a moita máis xente.



