Que é?
Que é?
Nunha subtitulación convencional escoitaremos o audio orixinal, mentres que na parte inferior da imaxe aparecerá o texto no idioma orixinal ou traducido noutra lingua.
O subtitulado descritivo ou para persoas xordas (SPS), regulado pola norma UNE 153010, introduce información que un espectador con discapacidade auditiva non pode percibir:
- Identifica con diferentes cores ou etiquetas os nomes das persoas que están a falar nunha escena.
- Cuestións sonoras relevantes para a trama que indiquen matices interpretativos, acentos, efectos sonoros, ruídos ambientais, banda sonora, etc. Isto conséguese introducindo didascalias, en maiúsculas e entre parénteses, por exemplo: (RISAS), (ACENTO CANARIO), (APLAUSOS), (TIROS), etc.
- Os elementos discursivos que forman parte da obra e están noutras linguas, como etiquetas, pantallas, letras, etc.
Exemplo de subtitulado para persoas xordas, dentro dun proxecto máis integral de cine inclusivo impulsado por Miguel Ángel Font Bisier:
A quen beneficia?
A quen beneficia?
A persoas xordas signantes sen dificultades de comprensión lectora e a persoas xordas que comunican en lingua oral. É importante sinalar que haberá persoas xordas signantes ás que lles resulte máis complicado seguir un contido con subtítulos que con intérprete de LINGUA DE SIGNOS.
Tamén resultará de utilidade a persoas con pérdida auditiva leve e en xeral, a todas aquelas que non dominan a lingua orixinal do contido audiovisual. En contidos audiovisuais xenéricos para redes sociais están moi extendidos tamén porque a reprodución automática é habitualmente sen son.
Como implementar esta medida?
Como implementar esta medida?
Poden incorporarse a todo tipo de materiais audiovisuais previamente producidos, integrados por defecto na imaxe ou como opción activable. Tamén en espectáculos ao vivo se contamos con pantallas de proxección.
Algunhas aplicacións e plataformas audiovisuais, como Youtube, ofrecen a posibilidade de activar subtitulado automático. Aínda que en inglés ou incluso español os resultados poden ser cada vez máis aceptables, requiren unha revisión para a maioría de contidos culturais, especialmente en linguas minorizadas como o galego.
Tamén podemos integralos previamente no materiais audiovisuais a través de programas de edición de vídeo, tendo en conta que segundo a súa extensión pode tratarse dun proceso laborioso.
O subtitulado descritivo ou para persoas xordas (SPS) debe realizarse por profesionais especialistas, existindo unha norma específica, a UNE 153020. A cal inclúe, entre outras especificacións técnicas, non superar un límite de caracteres por segundo (15 cps, aínda que algunhas canles e plataformas permiten ata 17). Polo tanto, esixe resumir ou reformular, procurando manterse o máis fiel posible ao discurso orixinal.



